Saturday 04 de May de 2024

Vedra acollerá o 25 de setembro a primeira BTT da Ruta do Viño Rías Baixas


Establécense dous percorridos, de 40 e 30 quilómetros, e organizarase unha ruta de sendeirismo paralela

A Ruta do Viño Rías Baixas celebrará a súa primeira BTT o vindeiro domingo 25 de setembro e discorrerá polo municipio de Vedra. Así se indicou na presentación oficial da cita que tivo lugar esta mañá no salón de plenos do concello vedrés. Nela participaron o presidente desta asociación sen ánimo de lucro, Juan Gil de Araujo, e o alcalde, Carlos Martínez Carrillo.

Na súa intervención, Juan Gil de Araujo agradeceu a colaboración do Concello de Vedra na posta en marcha desta actividade. “Con esta iniciativa, a asociación segue apostando por un estilo de vida saudable, coa fusión entre o enoturismo e o deporte”, afirma.

A primeira BTT Ruta do Viño Rías Baixas terá lugar o 25 de setembro e contará con dous percorridos: un longo, de 40 quilómetros, e outro curto, de 30. “Deste xeito, cada participante poderá elixir a opción que mellor se adapte ás súas condicións”, matizou Gil de Araujo.

O punto de partida e de chegada será o pavillón polideportivo municipal, onde a cita deportiva comezará ás 09.00 horas. Os participantes terán a oportunidade de coñecer as fermosas paisaxes de Vedra, ademais de bordear os viñedos de dous das adegas pertencentes a esta asociación sen ánimo de lucro e integradas na subzona de Ribeira do Ulla.

Prezo e inscricións

As inscricións para a BTT Ruta do Viño Rías Baixas estarán abertas a partir de mañá a través da web www.bttrutavinoriasbaixas.com. O custo desta proba é de 10 euros e inclúe todos os seguros civís, así como varios agasallos para os asistentes, entre os que se atopan unha botella de viño da D.Ou. Rías Baixas elaborado por unha adega socia e unha camiseta conmemorativa. “Ao finalizar o evento, entregaranse outros obsequios especiais”, engadiu o presidente desta asociación sen ánimo de lucro.

O número de participantes está limitado a 250 prazas en total. Desde a organización esperan que esta iniciativa resulte de interese aos amantes do deporte en xeral, e do ciclismo por paraxes naturais, en particular.

Ruta de sendeirismo

Paralelamente a esta proba deportiva, tamén o día 25 de setembro organizarase unha ruta de sendeirismo dirixida aos acompañantes dos participantes na Ruta BTT. A actividade levará aos asistentes por un percorrido de 8 quilómetros a través das paisaxes do municipio vedrés.

Tamén se aproveitará a ocasión, tal e como indicou o presidente da Ruta do Viño Rías Baixas, “para coñecer máis en profundidade o territorio e as adegas da subzona Ribeira do Ulla”. Os detalles deste itinerario iranse concretando nas próximas semanas.